Lecturas de Coidado
UXÍO NOVONEYRA
¿Que son as Lecturas de Coidado?
Lecturas de Coidado é un proxecto iniciado en xaneiro do 2024 e apoiado polo Ministerio de Cultura e o SERGAS. A iniciativa entende a lectura como unha ferramenta para o coidado das comunidades, especialmente dos grupos de persoas en situación de vulnerabilidade, e propón recuperar a lectura atenta como práctica de escoita, pensamento crítico e resistencia fronte á desigualdade e á violencia.
O encontro celébrase no Hospital Psiquiátrico de Conxo, un espazo cargado de historia e memoria, e reúne escritoras e escritores, mediadoras culturais, profesionais da saúde, bibliotecarias e público xeral. A súa programación combina clubs de biblioterapia, mesas de conversa, recitais poéticos, performances e rutas polo patrimonio material e inmaterial do hospital.
Por Lecturas de Coidado pasaron voces como Belén Gopegui, Chus Pato, Yolanda Castaño, Manolo Rivas, María Sánchez, Antón Lopo ou Jaume Coll Mariné, entre outras. Unha experiencia para ler en comunidade, compartir saberes e pensar a literatura como un espazo de coidado, conexión e transformación social.