Lecturas Habitadas

UXÍO NOVONEYRA

¿Que son as Lecturas Habitadas?

As Lecturas Habitadas son un programa de biblioterapia no que grupos formados por mulleres len en voz alta textos escollidos, escritos sempre por autoras. Cada sesión abre un espazo de conversa, escoita compartida e pensamento crítico arredor de temas como a natureza, a memoria, a identidade, o feminismo ou a vida cotiá.

O programa desenvólvese en formato de talleres monográficos e como Escola de Verán, que chega á súa quinta edición e reúne todos os veráns, durante unha fin de semana, mulleres lectoras na Casa-Museo Uxío Novoneyra, en Parada do Courel. Ao longo do curso celébranse tamén sesións en Santiago de Compostela, en colaboración coa Bela Furtiva.

As biblioterapeutas Branca Novoneyra, Lucía Miranda e Nieves Neira seleccionan os textos e acompañan a lectura e a reflexión dos grupos. Nacidas no marco de Bookpower Erasmus+, as Lecturas Habitadas continuaron desenvolvéndose a través de Creative Europe Free Radicals e, nas últimas edicións, co apoio de Territorio Cultura. Unha experiencia para ler e pensar xuntas desde miradas críticas e comunitarias.